Por Laura Vázquez Silvosa
Xa rematei de facer os meus deberes e decidín saír a merendar para poder contemplar a paisaxe de outono que resplandecía nos últimos momentos de sol do día. Ese era o momento que máis me gustaba e o que máis resaltaba.
Collín o meu bocadillo e saín da casa. Facía moito vento e víase como o sol cada vez se agochaba máis rápido detrás das casas. As follas chegaban a alcanzar grandes alturas ao ser empurradas polo vento. Estas eran de diversas cores, redondeando polo amarelo con tonalidades verdes, as que aínda non acabaran de madurar,e ata o marrón aclarado as demais. Con elas traían un frescor que só existe no outono, un olor que cando o inspiras sentes que o queres reter, mantelo nos teus pulmóns e disfrutar del o maior tempo posible aínda co risco de afogar.
Miro cara o chan e podo apreciar a herba fresca mollada polas últimas gotiñas de choiva do mediodía. Aínda non secaran xa que non subira case a temperatura, segue a facer frío.
O outono está repleto de cousas boas pero como todo ten que rematar nalgún momento, e pronto chegaría ese acontecemento, así que tiña que aproveitar ese pequeno paseo, admirar a paisaxe como se fora a última do outono.
Ningún comentario:
Publicar un comentario